miércoles, 27 de febrero de 2013

LICEO MUTANTE

A Asociación Cultural Autoxestionada Liceo Mutante quere poñer de manifesto a súa disconformidade coa orde municipal que insta a devandita asociación o cese na súas actividades musicais polos seguintes motivos:
- O noso Local Social, sito na rúa Rosalia de Castro, 100 da cidade de Pontevedra foi sé da SC Salcedo así como tamén de Igrexas Evanxélicas, onde se viñeron realizando, históricamente, eventos musicais e sociais de todo tipo sen supor problemas de seguridade para os asistentes, un dos motivos expostos polo Concello de Pontevedra para a execución de devandita orde.
- A nosa actividade está dirixida a cidadanía de xeito desinteresado, nun espazo autoxestionado e sen ánimo de lucro. Os donativos recaudados na entrada ós eventos son íntegros para os artistas que veñen expoñer o seu traballo ó Liceo Mutante. Consideramos que este servizo á comunidade forma parte da nova realidade na que a transformación social e o crecemento cultural pasa pola iniciativa cidadá, á marxe dunhas institucións públicas cada vez máis castigadas polas políticas de austeridade.
- Reivindicamos o traballo feito ata o momento, consolidándonos coma espazo de referencia e situando a Pontevedra no mapa da cultura alternativa.
- A nosa iniciativa cultural afástase dos circuitos comerciais, dando cabida a expresións artísticas que difícilmente teñen posibilidades de difusión noutros espazos, engandindo a non existencia de actividade comercial,polo que o noso funcionar pouco ten que ver con competencias desleais cara o sector hosteleiro de ocio nocturno. A nosa labor está a colaborar co desenvolvemento dunha Pontevedra en crecemento impedindo o soterramento da diversidade cultural.
- A asistencia ós nosos eventos dista moitísimo de ser masiva, polo que rexeitamos calqueira comparación con catástrofes como a do Madrid-Arena ou similares.
- O nacemento do Liceo Mutante, así como a ubicación do seu Local Social no barrio de Mollabao, lonxe de ser unha molestia para a veciñanza, está a ser o motor revitalizador dunha zona en decadencia esquecida polos poderes públicos, polo cal contamos co apoio dos veciños para continuarmos coa nosa actividade.
Por estes motivos, a Asociación Cultural Autoxestionada Liceo Mutante, reunida en Asemblea Ordinaria de Socios o pasado xoves 21 de febreiro de 2013, acorda, por unanimidade nos votos dos asistentes, retomar a programación de concertos no noso local social. O perigo de desaparación da asociación de persistir esta situación, así coma o noso convencemento de que non somos un perxuízo para ninguén e moito menos para os nosos socios asistentes ós eventos, empurrounos a tomar esta decisión.
Apelamos ó sentido común e á sensibilidade cultural dos responsables municipais para que se nos permita seguir adiante de maneira digna e íntegra coa nosa proposta, pois consideramos que xa contamos co respaldo dun amplo sector social da cidade e doutros puntos da contorna xeográfica. O noso compromiso coa cultura, desinteresado e libre non debería ser obxecto de persecución por parte das institucións públicas.
Longa vida ó LICEO MUTANTE!

No hay comentarios:

Publicar un comentario